Sunday 05 de May de 2024

Mato e o alcalde de Oza-Cesuras presentan un proxecto que permitirá mellorar a rede de abastecemento desta localidade


A conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, desprazouse hoxe ata esta localidade, onde precisou que o investimento destinado a esta actuación ascenderá a preto de 750.000 euros

A conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, presentou co alcalde de Oza-Cesuras, Pablo González, o proxecto que permitirá mellorar a rede de abastecemento desta localidade.

En concreto, a actuación presentada esta mañá vai posibilitar a modernización da rede de abastecemento do antigo concello de Cesuras, que conta con máis de 30 anos de antigüidade. Para iso, vaise realizar unha nova captación en Cesuras e mellorar a ETAP. Así mesmo, tamén se vai construír unha nova estación de bombeo dende a ETAP de Oza, que posibilite conectar os dous sistemas de abastecemento de Oza e Cesuras, que ata agora eran independentes.

As obras, que se licitarán mañá mesmo no DOG, contan cun orzamento que ascende a preto de 750.000 euros, cofinanciados polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER). Con este orzamento, “buscamos dar a resposta máis axeitada ás necesidades dos veciños e veciñas do concello”, subliñou Mato.

Estas actuacións teñen un tempo de execución de seis meses polo que, tendo en conta os tempos de tramitación do concurso e a adxudicación, prevese que a obra estea rematada o próximo verán.

Grazas a esta iniciativa, avánzase un paso máis na mellora do abastecemento e saneamento do concello. Ao respecto, Mato recordou que desde 2009 se teñen investido en toda Galicia 113 millóns de euros en materia de abastecemento, que permitiron realizar 309 actuacións e dar servizo a 600.000 galegos.

Así mesmo, a titular do departamento autonómico destacou que, dende 2009, “destinamos máis de 1.000 millóns de euros a actuacións de saneamento e depuración”. Un orzamento que “permitiu a construción de 39 novas depuradoras”, salientou.

Colaboración en materia de urbanismo
Durante a súa visita ao concello, Mato precisou que a colaboración entre a Consellería e Oza-Cesuras vai máis aló do abastecemento. Así, adiantou que o concello ten remitido á Xunta un proxecto, enmarcado no Plan Hurbe, para a construción de beirarrúas na zona urbana de Tablas, a través dun investimento de 100.000 euros, un proxecto que contará co financiamento da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio.